Nerea Brey

Reflexos de María

ficha artística

  • Dramaturxia: Ernesto Is
  • Dirección e Interpretación: Nerea Brey

Dramaturxia

Dirección e Interpretación

Ernesto Is

Nerea Brey

sinopse

Reflexos de María busca recuperar a figura da intérprete na súa cidade natal, A Coruña, desenvolvendo unha proposta de teatro site-specific nos diferentes espazos da Casa Museo Casares Quiroga. O público fai un percorrido pola vivenda e polas vivencias persoais e profesionais de María Casares da man da propia actriz galega. COMO? A partir de fragmentos da peza teatral Despois das ondas, que se trasladan ó espazo ofrecendo unha experiencia escénica de proximidade e interacción co público. O obxectivo desta proposta é aportar información sobre María Casares dun xeito lúdico e artístico.

Despois das Ondas,
de Ernesto Is

Despois da guerra, do exilio, da morte, da soidade, do amor, da consagración… Despois de corenta anos, a actriz regresa á patria da súa infancia na xira teatral da obra El Adefesio, de Rafael Alberti. Aquela nena que fuxiu alén dos Pirineos, medrou para converterse na gran intérprete da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, na lembranza dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será nesa néboa onde deberá adentrarse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que camiñan pola súa memoria a axudarán a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María? Despois das ondas é unha peza teatral sobre a vida e a carreira profesional da actriz coruñesa María Casares, unha das creadoras escénicas máis destacadas e influentes do século XX. Galardoado co prestixioso Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña no ano 2017, o texto estrutúrase como un monólogo dramático no que a personaxe protagonista dialoga co seu pasado e o seu presente ao longo de doce escenas.